16/6/10

FIN DE CURSO

Ola a tod@s,

hoxe finalizaron as reunións primaverais deste clube. Dicirvos que no verán non teremos reunións pero seguiremos informándovos a través do blog.
Botando unha ollada ó que foi esta primeira experiencia có clube, estamos moi contentos polo achegamento que supuxo o clube á lingua galega. Moitos a tiñamos moi esquecida e esta foi unha maneira de rencontrala. Asemesmo, participamos dalgún xeito no espallamento dos autores contemporáneos e das súas obras. A verdade, é que o galego nas mans desta xente ten futuro. Un futuro moi prometedor.
Por outra banda, temos que admitir que o número de participantes deste clube foi dende sempre moi limitado. É un reto que temos que afrontar de cara ó outono. Permitídeme tamén un pouco de critica, neste sentido, a todos aqueles a quen se lles enche a boca falando do galego e despois non colaboran con actividades tan "flexibles" (se me permitides a expresión) como é esta do clube. Non quero tocar o ámbito da política en relación có idioma pero tedes que saber que o galego non está ben defendido polas institucións da Xunta (máximas responsables á hora de garantir o dereito de tódolos galegos a coñecer o noso idioma) e creo que somos nós quenes temos que recoller esa responsabilidade dalgún xeito. Poñémolo doado: unha lectura, unha reflexión, compartir puntos de vista diferentes,... cando les, aprendes. ¿Non lle dicimos iso ós rapaces? ¿Somos tan hipócritas coma pra non predicar có exemplo? ... Xa o dicían os nosos maiores: o saber non ocupa lugar. Sen embargo, que pouca resposta a esta iniciativa tan boa. En fin, preferimos que nolo mastiquen primeiro. Porca miseria.

Despois disto, ímonos despedindo.Colgaremos algunha que outra lectura que nos chame a atención ó longo do verán.

Seguídenos e deixádenos algún comentario (non leva nin cinco minutos).

28/5/10

TRADUTTORE TRADITORE

O resultado do noso último traballo descubriunos que non é tan sinxelo facer unha traducción. En xeral, podes traducir un texto ó galego e que se entenda sen problema pero ¿qué hai do estilo orixinal?¿é suficiente con traducir as palavras ou tes que mirar de darlle o xeito pra que non se note a traducción, pra que pareza que o orixinal é galego? ¿e que hai das expresións propias dun idioma que non sempre teñen esa traducción literal e perfecta?¿dos matices dun nome?...en fin , moitas cousas que ata que non te pos diante do texto non te decatas delas.

Aínda por riba, o texto orixinal que abordamos estaba escrito en castelán e atopámonos con que, á hora de traducilo ó galego, tiñamos moita contaminación do idioma castelán. E loitamos contra iso coa axuda do diccionario Xerais. Entre todos fomos quen de sacar un bó texto en galego. De feito, nesa traducción conservamo-lo estilo orixinal do autor (algo moi difícil de acadar nas traduccións).

Non nos decatamos de até qué punto temos a influencia do castelán na lingua galega. Non, rectifico. Non na lingua galega, que é moi rica e variada, senón no noso coñecemento da lingua galega. Por iso, gracias a este clube de lectura, ampliamos a nosa cultura na lingua, enriquecémonos e espallámola. Tedesvos que animar a vir.

O noso seguinte traballo tamén é unha traducción ó galego pero, esta vez, dun pequeno texto orixinal en inglés ou francés. Esta teima é algo persoal e veunos despois de ler a Washington Irving, este clásico da literatura norteamericana. Despois de ler "A lenda do xinete sen cabeza" na súa versión orixinal e tamén en galego, que queredes que vos diga....ESTÁ MELLOR EN GALEGO. Sorprendéunos moito a descripción das paisaxes, criamos que estabamos nalgún sitio da nosa terra. As árbores, os animais, o vento asubiando, aínda que unha cousa é certa: coa traducción o texto gañou en contemporaneidade, cousa moi difícil de acadar có texto orixinal xa que está escrito no inglés do século XIX. Moitos diredes que foi ó revés, que coa traducción o texto perdeu o peso que lle da o inglés antigo. Pra gustos.
Voltaremos a falar das traduccións na nosa próxima reunión. Traede unha pequena traducción ó galego SEN TRAIZOAR O ORIXINAL ou facedeo se é pra mellor.

Vémonos.

17/5/10

17-MAIO

Prezada e prezados "irmandiños do clube" hoxe é un dos días grandes da nosa lingua, das nosas letras, da nosa cultura. Nós contribuimos este ano, da mellor maneira posíbel: Lendo,escribindo e traduzindo en GALEGO.Máis é a nosa unha tarefa moi perigosa porque érguense pantasmas que o queren derrubar e confinar a ser unha lingua menor, de segundo nível,para finalmente facela desaparecer.No camiño nos atoparán carregados de libros en galego, de poesía en galego, de xornais en galego,de cine en galego, de teatro en galego, de ciencia e matemática en galego, e terán que retroceder. Ánimo e continuade facendo NAZÓN. Saúde e Terra. Nuwamba.

5/5/10

PROBA DE ESCRITURA

Coa finalidade de determinar ata qué ponto as traduccións de linguas extranxeiras poden condicionar o sentido dunha obra e as intencións do propio autor, temos decidido facer un exercicio de traducción dun texto. O texto é dun autor contemporáneo, de moita sona, que se caracteriza polo seu sentido crítico co sistema.
O artigo que escollemos pódese atopar na páxina de Pérez Reverte có título "Ventana a la guerra"
Veremos a ver que sae de todo isto. Animádevos e vémonos en 15 días.

25/4/10

Vilarelle

Na primeira obra que lemos no club, Corredores de Sombra de Agustín Fernández Paz, chamounos a atención o lugar ficticio onde se desenvolve a novela: Vilarelle.

Hoxe no Diario de Ferrol, o profesor Álvaro Porto Dapena publica un artigo na súa serie sobre os topónimos da nosa terra. Paga a pena lelo...

VILELA E VILARELLE

ÁLVARO PORTO DAPENA (*)

A etimoloxía de Vilela non ofrece, dende logo, a máis mínima dificultade, pois é o resultado dun derivado de uilla máis o sufixo diminutivo feminino -ella, e, polo tanto, o seu significado literal é ‘pequena vila’.

Vilarelle aparece rexistrado no Dicionario de Filgueira co significado de ‘lugariño’ ou ‘vila pequena’, polo que viría a ser unha variante de vilarello, cuxo punto de partida é, obviamente, o latín uillariculu, é dicir, literalmente, ‘pequeno vilar’.

Pero a etimoloxía de Vilarelle podería vir tamén representada por un uilla A(u)relii, isto é, ‘vila ou aldea de Aurelio’ ou, dada a dificultade de explicar a caída de u, dun tal Arelus, probable diminutivo ou hipocorístico dun non documentado Arus ou, quizais, Arrus ou Arrius.

Falando o outro día cuns paisanos de Esteiro, un deles fíxome a promesa de me levar a coñecer o castro de Vilela, que -segundo me dixo- se atopa moi ben conservado e agora é bo momento para velo, antes de que os felgos comecen a cubrilo e invadilo todo. Suxeriume, ademais, que escribise na miña sección sobre este topónimo, Vilela, que, efectivamente, corresponde a un pequeno lugar habitado, bastante próximo á igrexa parroquial de San Fiz, ben é verdade que o volvemos atopar, entre outros sitios, na veciña parroquia de Cerdido, onde por certo se encontra así mesmo outro lugar chamado Vilarelle, topónimo do que tamén me quero ocupar hoxe, pois, como aquel, podería tratarse dunha forma diminutiva, e ámbolos dous, dende logo, son derivados en último termo do latín uilla.

A etimoloxía de Vilela non ofrece, dende logo, a máis mínima dificultade, pois, como digo, é o resultado dun derivado de uilla máis o sufixo diminutivo feminino -ella, e, polo tanto, o seu significado literal é ‘pequena vila’, aínda que, obviamente, entendido o substantivo vila non no sentido que hoxe lle atribuímos de ‘núcleo urbano relativamente grande, aínda que menor que a cidade’, senón o de ‘aldea’ ou ‘pequena agrupación de casas de campo’, que é o que -como se recordará- significaba na Idade Media. Cabe sinalar, polo demais, que este topónimo é sen dúbida a orixe do homónimo apelido, ben coñecido en Cedeira e, especialmente, en Pantín: indubidablemente quen hoxe así se apelidan terán un antepasado -non necesariamente a mesma persoa- procedente ou ben deste lugar de Esteiro ou, quizais, de calquera outro así chamado: non debemos esquecer a este respecto que só na nosa bisbarra ferrolá existen polo menos catro lugares con ese nome; ademais dos xa citados, temos tamén un Vilela en Mandiá (Ferrol), así como outro en Lamas (S. Sadurniño). Non acontece o mesmo con Vilerelle, que só o volvemos a atopar fóra da nosa bisbarra, en Oroso (A Coruña) e Outeiro de Rei (Lugo). E polo que se refire á súa etimoloxía, presenta, en troques, algunhas dificultades que non nos permiten chegar a unha conclusión definitiva, pois, por un lado, podería tratarse, como dixen, dunha forma diminutiva do latín uillare ‘vilar’ e, por outra, dun derivado tamén de uilla seguido do nome dun propietario. E en efecto: en primeiro lugar, vilarelle aparece rexistrado no Dicionario de Filgueira co significado de ‘lugariño’ ou ‘vila pequena’, polo que viría a ser unha variante de vilarello, cuxo punto de partida é, obviamente, o latín uillariculu, é dicir, literalmente, ‘pequeno vilar’. Recordemos que, aínda que vilar vén de uilla e, en principio, debeu de significar unha extensión desta, para logo facerse sinónimo de casal -e do propio vila- co significado de ‘granxa ou casa de campo’. Polo demais, o paso do sufixo -iculu a -ello obedece ó mesmo proceso que levou a ouicula a se converter en ovella, ou a oculu en ollo; é dicir, primeiro produciuse a caída da vogal postónica u e logo o grupo consoántico cl, por vocalización de c -que pasou a i- padalizouse finalmente en ll.

Así pois, o equivalente castelán de Vilarello, que tamén se atopa-e en maior proporción: ata dezaoito veces rexístrao o Nomenclátor da Xunta- na toponimia (aínda que non na da nosa bisbarra), é Villarejo, que tamén encontramos como topónimo: pensemos, por exemplo, en Villarejo de Salvanés na comunidade de Madrid. A dificultade, dende o punto de vista fonético, xorde, non obstante, á hora de explicar o -e final da forma Vilarelle, a cal, evidentemente, non pode ser evolución de Vilarello, senón que parece provir dun xenitivo, o que, por outra banda, nos levaría a supoñer ou ben que se trate dunha denominación abreviada por eliminación dun substantivo xenérico, campus ‘campo’, castrum ‘castro’, pagus ‘aldea’, vicus ‘barrio’, etc., do que sería un complemento ou determinación, ou ben -o que non parece probable- dun verdadeiro plural, equivalente, polo tanto, a Vilarellos.

Pero cabe, como queda dito, aínda outra hipótese, que nos faría cambiar totalmente a etimoloxía deste topónimo: que a terminación -e nos remita, efectivamente, a un xenitivo, pero non a un xenitivo de uillariculus, senón -como tantas veces acontece- dun antropónimo ou nome de propietario. A etimoloxía, efectivamente, podería vir representada por un uilla A(u)relii, isto é, ‘vila ou aldea de Aurelio’ ou, dada a dificultade de explicar a caída de u -cousa, por outro lado, non de todo imposible-, dun tal Arelus, probable diminutivo ou hipocorístico dun non documentado Arus ou, quizais, Arrus ou Arrius.

(*) Á. Porto Dapena é catedrático da UDC e académico correspondente da RAE
(artigo tirado do Diario de Ferrol de 25/04/2010)

22/4/10

Festa da lectura, do libro e da palabra en Ferrol

Entre o 21 e o 25 de abril de 2010 celébrase en Ferrol a feira do libro, enriquecida e supervitaminada, máis detalles do programa na web do concello.

21/4/10

Ler dixital


Estes días estamos a ler un libro liberado baixo licenza Creative Commons por Urco Editora. Hai versión en papel, pero algúns estamos a ler a edición dixital en pdf ou en texto plano. Agora que está tan en boga o asunto do ebook, do libro electrónico, haberá que dicir que esta tecnoloxía non é substitutiva do milenario papel como soporte, endexamáis poderá selo. Outra cousa é que o complemente en moitos ámbitos e usos. Hai na actualidade interesantes e cada vez máis capaces dispositivos especializados, pero os ebooks aínda non acadaron polo momento un nivel de prezos populares... porén o libro electrónico e a súa implantación non é tanto para un problema para o público en xeral e autoeditores coma un reto para os editores profesionais e a industria do libro que, visto o exemplo da industria discográfica, teñen ante sí o reto de transformar o seu esquema de negocio... ou cambiar de traballo.

7/4/10

En abril: Sleepy Hollow e outros relatos...

Para este mes de abril propuxemos un clásico da literatura universal: Washington Irving. A lenda de Sleepy Hollow e unha escolma de relatos curtos deste autor romántico, publicados en galego como «A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos» por Urco Editora, con tradución de Cristina Felpeto García. Este libro foi o primeiro liberado baixo licenza Creative Commons por esta emerxente editorial galega. Podedes baixalo en formato txt no blog de Urco Editora, ou tomar o pdf que fixemos para ler no club. O libro tamén pode mercarse en papel nas librarías.
Lembrade, a vindeira reunión é o mércores 21 de abril ás 20.00 horas. Vémonos!

Reunión do 07/04/2010

Desta volta xuntámonos novamente no local da biblioteca da EOI de Ferrol (lembrade que o club está aberto a quen queira vir e compartir cada quince días, os mércores ás 20.00 horas... estades convidad+s!)

Até o de agora a secuencia dos libros escollidos foi: «Corredores de sombra» de Agustín Fernández Paz (Xerais) en xaneiro; «Ollos de auga» de Domingo Villar (Galaxia) en febreiro; e «Dime algo sucio» de Diego Ameixeiras (Xerais) en marzo.

Hoxe falamos deste último libro. Ademáis de compartir impresións entre nós, lemos algúns treitos da novela e comentamos aspectos como a interacción que se establece entre as personaxes (entre elas ou consigo mesmas!) ou coa cidade, que está sempre ao fondo.

Tamén trouxemos da casa reflexións en clave literaria, recollendo os trazos dalgunhas personaxes da novela. Nuwanda, por exemplo, tomou a personaxe do taxista para deixar un inquedante retrato das persoas normais, esas coas que cruzamos dez veces ao longo do día... esas que poderían sermos ti... ou eu. Pedro recolleu as personaxes das mozas adolescentes, e amalgamou nunha narración breve as inquedanzas dunha rapaza que vive aprisonada entre o insti e a disco dos domingos; entre a inseguridade do que dirán e o abrollar do amor xuvenil... a ver se un día destes podemos pendurar eses textos acó.

Tamén falamos, entre unha manchea de cousas, das ligazóns e referencias con outros autores e obras do contorno literario e audiovisual: a novela respira da realidade cotía, dura e ruda realidade. Con capítulos curtos en extensión pero de lectura densa coma o Iridio, «Dime algo sucio» déixase ler e convida a reler... quedamos con ganas de máis Diego Ameixeiras, 100% recomendado. De seguro retomarémolo máis adiante no club coa súa serie do detective Horacio Dopico.

1/4/10

Estamos a ler... Dime algo sucio, de Diego Ameixeiras

Traio hoxe un treito da novela que estamos a ler, Dime algo sucio de Diego Ameixeiras, que por certo é tamén un dos primeiros ebooks de Xerais.

Escollín o capítulo 64 (descargar en pdf) do cento que compoñen o libro. Ben podería ser o capítulo ventral, no que despeza de vez esoutra grande personaxe da novela que é a cidade de Oregón: polo seu leucémico rego sanguíneo flúen as persoas e tecen as historias como a de Marta Nóvoa...

De seguro que quedades enganchad+s ;)

XP

28/3/10

Saúde e terra

Olá a todas e a todos, eu tamén son un membro de este clube de lectura en galego que é pioneiro na cidade de Ferrol. Xa temos lido tres títulos de tres autores galegos e a nosa voracidade non ten límite. Así que xa vos podedes poñer as pilas escritores da Galiza se nos queredes dar feito. Porque ademáis e a proposta de un dos "mosqueteiros" do clube tamén imos a comezar a escribir. Tentaremos para o próximo 7-04, día da nosa próxima reunión, perfilar unha personaxe literaria, unha moza galega adolescente e contemporánea. Vos animades?
Parabéns a Diego Ameixeiras pola súa obra:"Dime algo Sucio" na que recolle pinceladas de moitas das tribus que habitan as cidades galegas tanto na superficie como nos submundos. E donde asistimos a unha procesión de sentimentos en estado puro, sen peneirar,no seo de unha sociedade hipócrita que viaxa a toda velocidade e bota fora a todo o que non partilla os seus valores. Foi moi doada de ler e mesmo eu tería baixado un chanzo máis para desvendar as moitas miserias que habitan en nós. Saúde e terra.
Pd. O meu nome literario é Nuwanda.

24/3/10

DÍA DE LECTURA

Pois chegou o día da reunión do noso club e, como non, comentamos o libro "Díme algo sucio" de Diego Ameixeiras.

Empezamos polo principio: o autor. A verdade é que para nós era un autor descoñecido (agás para X.P. que foi a persoa que nolo recomendou) pero lelo resultounos a todos unha tarefa agradable e fácil.

A linguaxe é sinxela, accesible e moi cercana á lingua que se usa nas rúas. Algún de nós aprendimos termos novos coma cabicha e algún que outro mais.

A división do libro en capítulos curtos (cada un deles dedicado a unha personaxe) fai que a lectura sexa rápida. Quedámonos abraiados polas descripcións que o autor fai de tódalas personaxes pero en concreto das que aínda andan pola adolescencia. De feito, resultáronnos tan precisas esas descripcións que decidimos asumir unha tarefa (voluntaria, que ninguén se pense que voltamos ós tempos do instituto) na que trataremos de imitalo. Teremos que traer unha pequena redacción describindo un típico adolescente galego.

E ademais, fíxosenos tan curto o tempo de reunión que voltaremos a falar deste libro na seguinte:
- trataremos de falar algo mais deste autor galego
- cada un de nós falará dalgúnha personaxe concreta (eu falarei de Ánxela e R.G. falará do taxista, ¿quén mais se anima?)
- temos tamén a tarefa voluntaria da redacción que vos dicía antes

En fin, se algún de vós xa o leu ou animase a facelo, por favor, non sexades tímidos e deixade comentarios. Ou podedes vir á Biblioteca da Escola de Linguas de Ferrol o próximo día 7 de abril ás 20:00 horas.

Esperámosvos!!!!!

19/3/10

CLUB DE LECTURA EN GALEGO


Xa que a Xunta está a reduci-lo espazo da lingua galega na educación e nas institucións, o mellor é apoiar o noso idioma dun xeito individual.
Por iso, uns amigos e mais eu decidimos reunirnos cada quince días na biblioteca da Ecola de Linguas de Ferrol para comentar os libros que imos lendo (en galego, of course).

O libro que estamos a ler é Díme algo sucio de Diego Ameixeiras (Ed. Xerais).